Baleiro

Víctor E. Pérez e Daniel López Abel

“A arte contemporánea é sobre todo produción de coñecemento”

12 Mar 2009

Víctor E. Pérez (A Coruña, 1981) e Daniel López Abel (Lugo, 1979) levan cinco anos traballando xuntos no ámbito das prácticas artísticas colaborativas. Os dous son licenciados en Historia da Arte Contemporánea pola USC. O primeiro comezou na educación artística con iniciativas como “proxecto_procesos1” (CGAC, 2004) e os obradoiros de arte urbana “Esculpir no tempo” e “00:00″ (CGAC, 2006, 2007), mentres que o segundo coordinou varias iniciativas culturais estudantís e colaborou con colectivos de produción artística como Platoniq ou Fundación Rodríguez, na actualidade redacta a súa investigación pre-doutoral sobre teoría da produción colectiva na arte actual. Xuntos teñen colaborado en diversos proxectos grupais como “Centro de Transfusión da Imaxe” (Universitúa, 2006), “E-2x Desastres Estruturados” (Coro da Igrexa da Universidade, 2006) e “Ponlle nome” (Igrexa da Universidade, 2008). Forman parte do equipo de xestión de “Baleiro. Canle de Produción de Cultura Contemporánea”, un espazo adscrito á Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.

1. Acabades de organizar e celebrar o proxecto “Ponlle nome”. Gustaríame que me comentásedes cales eran as expectativas no seu deseño e que conclusións expoñedes.

Tiñamos moi poucas previsións do que ía acontecer en “Ponlle Nome”. O obradoiro non estaba pensado para unha sala de exposicións, e moito menos para un espazo cos condicionantes da Igrexa da Universidade. Cando nos deron a oportunidade de levalo a cabo neste contexto, interesounos o reto de converter a Igrexa nun espazo propicio para a reflexión colectiva. Queriamos eliminar calquera actitude de contemplación e potenciar outras máis implicadas, o que supoñía unha distorsión significativa da configuración do espazo. Por este motivo, centramos bastantes esforzos na construción do mobiliario e na organización da sala.

O noso traballo de deseño foi principalmente dispoñer ferramentas para o debate e a exposición de ideas. Primeiro fixemos unha aproximación cos participantes a tres cuestións básicas nos nosos plantexamentos: a arte pública, o traballo en rede e as novas formas de pedagoxía cultural. Sempre procurabamos achegar as nosas dúbidas e non as posibles conclusións, para que o discurso se fora construíndo a si mesmo. O noso obxectivo, de feito, era ir delimitando dúbidas, encaixándoas como se encaixan os golpes ou as críticas. Neste senso a cousa funcionou ben: producíronse derivacións do proxecto “orixinal” que eran bastante imprevisibles no principio.

No fondo, sempre houbo outro obxectivo máis aló do debate, que era a relación entre os participantes que se achegaron ao obradoiro en moi diferentes graos. Tecer e manter unha pequena rede de ligazóns entre persoas diferentes pero interesadas nos mesmos problemas foi unha aspiración desde o comezo. Agora é o momento de poñer en práctica esa intención e seguir traballando nas liñas que quedaron abertas.

2. Este proxecto aposta por un tipo de iniciativa de pouca traxectoria en Galicia, espazos en proceso; constantes que vides desenvolvendo en diversas iniciativas nestes últimos anos.

As nosas experiencias máis valiosas proveñen do mundo asociativo. Estamos acostumados a facer cousas con xente diferente baixo nomes diferentes, e iso inflúe á hora de repensar non só os espazos nos que nos movemos senón tamén os tempos. En proxectos anteriores nos que estivemos xuntos, como Centro de Transfusión da Imaxe (Universitúa, Vigo, 2005) ou E-2x Desastres estruturados (Coro da Igrexa da Universidade. Santiago de Compostela, 2006), existía esa vontade de colaboración, que sen dúbida é o que nos determina a desenvolver procesos máis expandidos. Os proxectos concretos son parte dunha aprendizaxe máis ampla que sempre está aí, non sabemos moi ben cando empezamos a falar deles e moito menos cando deixaremos de traballalos. Simplemente quedan desactivados segundo as circunstancias, pero sempre contemplamos a posibilidade de que un proxecto sexa activado de novo, por nós ou, no mellor dos casos, por outras persoas.

Con “Ponlle nome” é a primeira vez que traballamos nun espazo expositivo cunha visibilidade alta. Vemos a nosa proposta para a igrexa como un recurso que nos permite achegarnos a algúns aspectos da arte contemporánea cun espírito de autoformación e autocrítica, especialmente no caso dos públicos. Propoñemos claves previas aos debates e formalizamos algunhas das conclusións, aínda que o que máis nos interesa é o que xurde no medio: traballar as actitudes dos públicos desde preto, facer do espazo dialóxico o punto de partida fundamental para unha experiencia significativa. Nese aspecto, os procesos de construír situacións para a controversia e tecer complicidades entre os colaboradores teñen tanto peso como as expectativas iniciais no proxecto.

Este ano participaremos nunha iniciativa máis estable coa Vicerreitoría de Cultura da USC. Trátase dun espazo cultural xestionado polos seus usuarios chamado “Baleiro“, no que centraremos durante un ano parte das nosas actividades. Dalgún xeito é unha continuación natural do noso interese por traballar en equipo, adaptándonos ás necesidades de cada situación.

3. Desde a vosa experiencia, que aspectos estratéxicos considerades que se deberían activar na organización e procedemento da creación actual desde as institucións culturais?

As institucións culturais destinan boa parte dos seus esforzos a construír e manter equipamentos, cando a urxencia real está en facer do traballo en cultura unha actividade sostible. Somos da opinión de que a arte contemporánea é sobre todo produción de coñecemento, e que polo tanto os contidos que esta traballa teñen que salvar necesariamente os límites das institucións artísticas e dos públicos especializados. A posta en circulación da cultura entre a cidadanía necesita políticas centradas na proximidade e a diversidade, nas que ademais de mostrar artistas e obras se poñan en xogo as actitudes críticas que subxacen a estas.

Atopamos necesaria a mellora en recursos humanos antes que en recursos materiais. Aquí entra en xogo a investigación, pero non só a investigación que se está a facer a nivel académico nos estudos visuais ou a que é consubstancial á propia labor dos creadores artísticos, senón unha investigación aplicada á maneira de xestionar a produción e a comunicación dos proxectos artísticos. Hai unha chea de propostas culturais que perden potencia por realizarse en espazos ou contextos que non sofren unha revisión profunda desde hai tempo. O problema que vemos na actualidade é de contradición entre unha arte arriscada e aberta a variacións constantes, que cae nun sistema institucional de formatos acomodados e bastante reticentes ao cambio. A colaboración integral de artistas e comisarios con educadores e outros axentes sociais é unha esixencia propia da arte do noso tempo.

4. Que papel debe xogar a Universidade neste proceso?

Pensamos que o traballo en cultura debe estar situado nun ámbito cando menos parello ao da universidade. A súa grande responsabilidade hoxe é garantir o acceso de toda a sociedade aos beneficios que xera a investigación e a educación.

Ademais, a universidade ofrece a posibilidade real do cruce de disciplinas que nun ámbito non universitario terían máis difícil o seu contacto. Temos claro que a socioloxía, as ciencias políticas, o dereito ou a enxeñería informática teñen moito que dicir no ámbito da creación artística. O uso de linguaxes e conceptos propios destas disciplinas por parte dos artistas vén sendo moi común nos últimos tempos, pero o reenvío destas propostas cara ámbitos non artísticos case nunca se produce. Isto interrompe un fluxo e intercambio de resultados que cremos podería ser moi frutífero.

Falando máis concretamente da Universidade de Santiago de Compostela e a nosa situación, temos que dicir que se está a xogar un papel importante. “Ponlle nome” foi unha das apostas da 1ª edición do Master en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas. O proxecto foi concibido neste marco e sacado adiante grazas ao apoio da súa Dirección e o compromiso da Vicerreitoría de Cultura. Este tipo de colaboracións son moi necesarias para que poidamos empezar a traballar sen perder frescura nin rigorosidade. Estamos satisfeitos con esta situación porque tamén son pasos dados para os compañeiros que virán nos anos próximos. Hai moita xente nova traballando con ideas interesantes e estes proxectos son un bo xeito de darlles saída.

5. Cales pensades que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións credes que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Responderemos en relación ao comentado até agora. Atopamos bastante relevante no contexto artístico o paradigma do traballo inmaterial aplicado á arte. A revisión dos conceptos de produción e recepción da arte, máis o debate sobre a propiedade intelectual están a ter un impacto cremos que positivo nalgúns aspectos, xa que da lugar a novos xeitos de vivir a creación. As propostas que máis nos interesan están preto do conceptual e do contexto, pero nun sentido máis antropolóxico e de uso que propiamente artístico. No prolongado debate en torno á disolución da arte no social ocorre coma na maioría das ocasións en que falamos do mar, que en realidade estamos a falar do vento máis que da auga.