Miguel Anxo Rodríguez é profesor de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia desde o ano 2000, especializado en Teoría da Arte e Arte Contemporánea. Doutorouse en abril de 2004 cunha tese que leva por título “Os materiais: procesos e formas na escultura galega contemporánea (1940-1994). Entre 1997 e 1998 colaborou co Departamento de Pedagoxía do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). As colaboracións coa citada institución continuarían a través de conferencias e participación en talleres nos anos seguintes.
En 1998 realiza unha estadía de investigación no Europees Keramische Werkcentrum (EKWC) da cidade holandesa de s-Hertogenbosch, estudando os procesos de traballo en cerámica de artistas e deseñadores de distintas partes do mundo. Como resultado desta experiencia e das pesquisas na factoría de Sargadelos publica no 2000 o libro “S-Hertogenbosch – Sargadelos. A creación en cerámica a través de dúas institucións”. En 2004 organiza (xunto con Emanuela Saladini e Yolanda Pérez Sánchez) as “I Xornadas sobre espazos de creación contemporánea”, formando parte das actividades do proxecto europeo Cultur’At. Publicou crónicas e críticas de arte contemporánea na revistas Interesarte, Arte y Parte e Artnotes.

1. Entre os teus intereses como historiador da arte destaca o tema da formación artística no mundo contemporáneo, as súas influencias e relacións co devir das artes. Como ves a situación actual en Galicia? Que fortalezas e que debilidades atopas na formación dos artistas novos na nosa comunidade?

A nivel de actualización dos coñecementos, non nos podemos queixar. Só hai que comparar co nivel de información co que saían os artistas das escolas de artes e oficios hai a penas vinte anos, ou co que contan quen estudaron nos anos setenta nas Escolas de Belas Artes, tanto en Madrid como en Barcelona. Temos facultade de Belas Artes e ademais creo que plenamente actualizada en canto a discursos e propostas. Internet e as viaxes fan o resto. Hoxe un artista novo non ten escusa para estar informado e creo que pode desenvolver sen moitos problemas as súas propostas.

Pero vexo que falta algo, un ámbito intermedio que serva de conexión con iso que podemos chamar “mundo real”. Faltan espazos de experimentación e produción artística nos que os novos creadores desenvolvan un traballo coa cercanía doutros artistas e axentes, espazos onde a especulación e o desenvolvemento de ideas se dea á par que o traballo creativo individual. Este tipo de espazos intermedios entre a escola e o mercado podían axudar á inserción no mundo da arte dalgúns artistas que veñen de rematar os seus estudios “oficiais”.

2. Vén de comezar a segunda edición do Mestrado “Arte, Museoloxía e Crítica contemporáneas”, do que es coordinador. Despois dun ano de vida, e cunha primeira promoción preparada para entrar na engrenaxe da arte contemporánea galega, que puntos destacarías como primordiais e cales serían mellorables ou preciso potenciar?

Ben, o primeiro punto a destacar, por obvio, ás veces non se ten en conta: é un máster, trátase de estudios especializados, e nace nun momento apropiado, porque nos últimos anos se crearon museos, centros de arte e fundacións centradas na arte contemporánea. Temos os edificios pero falta en moitos casos unha dotación adecuada de persoal especializado. Isto non depende tanto de nós como dos políticos que xestionan os fondos para cultura, pero o máster quere axudar á formación destes novos profesionais.

O nivel do profesorado é en xeral moi alto, con profesores universitarios, críticos, comisarios e especialistas en pedagoxía da arte de recoñecido prestixio. A maioría deles son de fóra da Universidade de Santiago, co cal garantimos unha apertura moi san e que moitas veces falta nos estudios universitarios. Os alumnos entran en contacto directo con estes profesionais e isto debera de ser unha oportunidade, que sen dúbida os alumnos máis inquietos e dinámicos saberán aproveitar.

Por outra banda, fixemos un exercicio de autorreflexión e crítica para a 2ª edición, porque vimos que a parte práctica se debía mellorar; os alumnos e nós mesmos percibimos que había que proporcionar máis horas para traballo en talleres e darlle continuidade a algúns profesores para que puideran levar a cabo proxectos cos alumnos, ademais dun traballo práctico efectivo en museos.

3. Desde a túa experiencia como profesor e investigador na Facultade de Xeografía e Historia da USC, como ves o presente e o futuro da investigación en historia da arte contemporánea en Galicia? E concretamente no licenciado nesta materia?

Estamos nun momento de cambio. Aínda aparecen con relativa frecuencia textos dunha historia da arte, digamos, ”clásica”, que se basea na descrición formal-poética das obras, con criterios moi historicistas, de adscricións a correntes, escolas, etc. É un tipo de estudio moi centrado na idea de excelencia e de descrición formal como exercicio especializado do historiador. Pero á vez están xurdindo outros traballos que problematizan a idea de obra de arte, que buscan relacións cos produtos da sociedade de masas, os media, con cuestións políticas, contextuais, de ideoloxía… Proxectos como os de “Arte marxinal”, do noso grupo de arte contemporánea, van nesta liña, igual que as edicións de libros sobre paisaxe. Non temos un departamento de Estudios Visuais, como en moitas universidades anglosaxonas, pero xa hai investigadores (e non só de arte contemporánea) que apuntan nesta dirección. Os novos investigadores ou licenciados que queiran profundar nestas direccións, sen dúbida teñen moitas posibilidades.

4. En relación coa túa investigación en escultura galega contemporánea, gustaríanos que destacases algún artista galego que achegue cualidades de significación nun diálogo con outros doutras latitudes.

Pois respóndoche como historiador e así evito caer nas simplificacións “epocais”, pero tamén a partir dos meus gustos persoais. Destacaría aos escultores Silverio Rivas, Ignacio Basallo e Manolo Paz, ao pintor Tono Carbajo; Jorge Barbi e Pamen Pereira facendo de transición, e entre os máis novos a Mónica Alonso, Andrea Costas, Suso Fandiño e Jorge Perianes. Estes serían os que máis me chaman, se se pode dicir así. Identificar aos “mellores” ou aos que máis che gustan cunha única corrente ou xeración creo que é un dos erros máis habituais dos que se moven no mundo da arte, que moitas veces caen en actitudes ou opinións do máis visceral.

5. Cales pensas que son as claves da arte actual, que liñas, tendencias ou narracións cres que definen ou debuxan o panorama creativo presente?

Téñoche que responder un pouco como na pregunta anterior e vou ao que máis me interesa a min, á vista da heteroxeneidade das propostas. Por unha banda o político: obras que documentan, reconstrúen historias, ou elaboran ficcións onde o obxectivo é analizar situacións de violencia social e política manifesta. Son obras que buscan interpelar ao espectador-cidadán e posiciónanse de xeito claro. Por outra banda, outra liña achégase á xeografía crítica, á arquitectura e ao urbanismo, e toma como tema a cidade (pensemos en Carme Nogueira, Lara Almarcegui ou Santiago Cirugeda). Fotografías, proxectos, instalacións que dalgún xeito reproducen o modus operandi de arquitectos, urbanistas e dos anónimos ”construtores”, preferentemente das periferias urbanas. Paréceme especialmente significativo que a referencia non sexa ao proxecto magnífico, claro, á intervención “límpida” propia dos arquitectos do Movemento Moderno, senón ás prácticas da reciclaxe e a chabola. É como a vinganza dos marxinais e da arquitectura “de favela”.

Dalgún xeito, penso que o máis interesante da creación actual deriva das prácticas dos situacionistas. E deberíamos reflexionar a cerca do feito de que a renovación máis produtiva na arte contemporánea vén doutras disciplinas limítrofes, como a arquitectura, a xeografía e o urbanismo. Pasa un pouco como cos estudios visuais: o interese xa non o acapara a “obra de arte”, singular e exclusiva. Miramos cada vez máis ao noso contorno.

www.culturagalega.org