Vieiros: Galicia Hoxe


Redacción - 12:30 12/08/2009

Simular unha gran pelexa, ir camiñando e caer redondo, abrazar as árbores, comer bananas, lanzar avións de papel de cores, permanecer como estatuas humanas... Un grupo de performers toman este mércores 12 o paseo da Alameda en Santiago de Compostela para executar estas e outras accións.

A de Compostela non será unha convocatoria en liña, senón unha intervención do grupo L.I.B.A. Colectivo para poñer de manifesto a eficacia e o poder dos medios telemáticos e deste tipo de propostas autoorganizadas. A intervención forma parte do apartado Off do Festival dos Abrazos, dedicado a novas propostas creativas.

A peza leva o nome de Investigaccións e nela desenvolven vinte microaccións mesturándose cos paseantes. A primeira é queixarse do retraso dunha performance. A última correr despavoridamente. No medio van un feixe de actos máis ou menos absurdos: berrar gol, subir aos bancos para facer de fontes ou facer unha manifestación na que non se reivindica nada.

Actos con capacidade reivindicativa
En apariencia o carácter lúdico e a carencia de sentido , pero en moitos casos aos participantes móvenos reivindicacións sociais e políticas. No caso de L.I.B.A. Colectivo os obxectivos son "cuestionar os comportamentos humanos nos espazos públicos, en especial a colectividade ou o comportamento das masas, experimentando cos códigos de conduta social establecidos".

O grupo xurdiu hai menos dun ano da facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo co propósito de desenvolver propostas afastadas das prácticas habituais na arte contemporánea. Até o de agora xa colaboraron con institucións de referencia como a Fundación Serralves do Porto e o centro de arte e creación industrial LABoral de Xixón.