O valor da fama nas artes plásticas










O colectivo LIBA reflexiona en ‘Star System’ sobre o ego dos autores contemporáneos

MARCOS SUEIRO

Todo foi como estaba previsto. Os convidados ao espectáculo Star System ían chegando á Sala Alterarte do campus de Ourense e todos tiveron que pasar polo photocall para deixar a súa pegada plasmada nunha instantánea e deste xeito inmortalizarse para a posterioridade. Con esta performance os membros de LIBA (Laboratorio de Investigación en Belas Artes) inauguraron a exposición que estará en Ourense ata o día 19 de abril.

Son dez e traballan diferentes disciplinas artísticas, pero xúntanse para ofrecer un produto feito en común que neste caso denuncia unha determinada concepción da arte. Frame Lado, un dos performer e doutorando en Belas Artes, explica: “Os medios dominan o panorama artístico pero a arte non domina o panorama mediático”. Con este xogo de palabras Frame, ocupado habitualmente en facer grafitis, busca denunciar o que transcende e pregúntase: “Por que salta á fama o que custa a obra pero non en que consiste, cales son os seus criterios estéticos e os seus diálogos?”. O seu compañeiro Paco Peregrino confirma a idea e por iso di: “Cremos que Star System é unha aposta pola arte en liberdade, por abrir un debate sobre o valor do produto, pola procura do éxito”.

O proxecto artístico concíbese como unha soa peza e todas conforman o crebacabezas para lanzar unha única mensaxe conceptual. A parte plástica está acaparada por un universo de estrelas pintadas na parede e son eles dez, os que tamén compraron un astro, para formar unha constelación. Logo solicitaron o título acreditativo da propiedade, que os lexitima para lanzar mensaxes de autor ao espazo interestelar, a través dun sistema operativo coa firma de LIBA.

A libre interpretación é suxerida polos autores pero para conducir sen perderse aclaran: “Queremos falar da lóxica da arte ou da do seu mercado, de artistas estrelas e estrelas de artistas, a través de trazos imaxinarios que sexan capaces de articular un todo, un corpus, unha obra...”. Un dos fotógrafos do grupo, Juan Adrio, di estar contento da experiencia que supón traballar con xente diferente, situados en lugares distantes –algúns viven no estranxeiro– e con inquietudes diferentes. Paco Peregrino súmase ás palabras de Adrio, e aclara que “a vaidade e o desexo de éxito” no seu caso é solapado pola ilusión de traballar nun proxecto colectivo que quere continuar por outras partes do país. A estrea rematou coa recepción que se ofrece nos lugares habitados por “estrelas” e consistiu na mestura de fresas e viño espumoso.