O colectivo LIBA converte a Sala X nun taller performático coa acción "Please wait"

Ata o 10 de xullo traballarán na realización dunha instalación con ARDUINO

http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=2580&Itemid=46


Image Piden tempo a sabendas de que o que moitos esperan atopar ao entrar na Sala X é unha selección de pezas rematadas e listas para ser exhibidas. Pero desta vez hai que cambiar o chip e decatarse de que a exposición Please wait do colectivo LIBA converteu este espazo da Facultade de Belas Artes nun taller de creación performático ata que o vindeiro día 10 rematen a súa instalación e pechen así a mostra. Desde a inauguración, realizada en baleiro, ata a data de fin de exposición os integrantes do grupo traballan cada día na sala. O que de momento só son unhas mesas repartidas no espazo converterase ao final unha malla de luces que interconectarán o traballo de cada un dos membros.

Image
Un dos membros traballa na instalación
Camino Carballeira | Pontevedra
Piden tempo a sabendas de que o que moitos esperan atopar ao entrar na Sala X é unha selección de pezas rematadas e listas para ser exhibidas. Pero desta vez hai que cambiar o chip e decatarse de que a exposición Please wait do colectivo LIBA converteu este espazo da Facultade de Belas Artes nun taller de creación performático ata que o vindeiro día 10 rematen a súa instalación e pechen así a mostra.
Desde a inauguración, realizada en baleiro, ata a data de fin de exposición os integrantes do grupo traballan cada día na sala. O que de momento só son unhas mesas repartidas no espazo converterase ao final unha malla de luces que interconectarán o traballo de cada un dos membros. Este achegamento “ao pensamento intuitivo”, explica María Magán, integrante do colectivo, é “unha experiencia expositiva que transfire o proceso artístico á categoría de peza terminada”. Deste xeito, o grupo cuestiona o obxecto artístico, os usos do espazo expositivo e o papel da audiencia como un elemento activo na execución da obra final.

Colaboración de Alberto Valverde e da Aula Tecnolóxica

Había tempo que os membros de LIBA querían realizar unha instalación conxunta, algo que fose dos 19 integrantes, “pero sendo tan dispares entre nós non sabiamos como facelo”, apunta. Moitos deles coincidiron no curso Introdución á creación de instalacións interactivas que se realizou na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e que impartiu Alberto Valverde, artista convidado da mostra. Nese obradoiro, no que se aproximaron á programación a través da plataforma ARDUINO para desenvolver obxectos interactivos que permiten o control de luces, sons ou presenza, atoparon a posibilidade de aplicar os coñecementos que ían adquirindo e traballar nun proxecto común.
O 10 de xullo, cando baixen a persiana do obradoiro performático no que converteron a Sala X, o grupo empaquetará a instalación para enviala ao Centro de Arte y Creación Industrial Laboral de Xixón, onde se exporá a partir do 4 de setembro. Para a realización destas actividades o curso conta coa colaboración do comisario da Sala X, Xosé Manuel Buxán, que lles cedeu o espazo expositivo e dunha subvención da vicerreitoría do campus.

A experiencia de Serralves em Festa

O work in progress que estes días desenvolven na Sala X chega despois da intervención do colectivo no festival Serralves em Festa que na súa sexta edición bateu o récord de visitantes, chegando aos 87000. LIBA foi o grupo escollido pola organización para abrir a programación dunha das citas artísticas máis importante do noroeste da península. Alí, seguindo a filosofía flashmob, realizaron vinte accións separadas por tempos, “coas que cuestionamos os comportamentos sociais”, recorda Magán. Unha sucesión de accións e dispersións marcaron o ritmo da intervención en Porto cun proxecto creado expresamente para esa ocasión. O grupo quedou moi satisfeito cunha “experiencia preciosa” e puido aproveitar toda a potencialidade das súas accións “grazas á participación do público”.
O colectivo, que tamén actuou no Festival Desfunción, leva traballando desde finais de 2008 e aínda que reúne a artistas “de diferentes disciplinas” úneos “a investigación e a necesidade de debater sobre que é o que hai que investigar nas Belas Artes, cunha metodoloxía de traballo creativo”, explica.